Ante a gravidade dos feitos do escándalo que estamos vivindo, decidimos manter a máxima cautela, toda vez que ademais os focos, con razón, están centrados hoxe na Entidade na que traballamos. Por iso até este momento a CIG mantivo silencio, por responsabilidade, e se rachamos hoxe a cautela, é despois de que a alta Dirección do BBVA se dirixise ao cadro de persoal, nun escrito que non compartimos.
Dende a CIG creemos que a única investigación válida será aquela que se poida realizar por parte da xustiza, das forzas de seguridade do Estado, dos Organismos reguladores e do Goberno, malia que dado o tempo transcorrido será moi difícil. En todo caso instamos ao Goberno do Estado e aos organismos reguladores a actuar coa máxima contundencia e axilidade.
Entendemos que de xeito cautelar deben cesar no seu posto todas e cada unha das persoas que tiveron responsabilidade na alta Dirección do BBVA durante os anos nos que supostamente se adoptaron medidas, que responsables políticos cualifican como «mafiosas». Hai que eliminar de raíz calquera dúbida ou sospeita que afecte á confianza no BBVA. A estabilidade da empresa e os postos de traballo están moi por riba de intereses persoais e personalistas.